3.6.14

PUNTA HERMINIA


  Protectores / as de Punta Herminia

Os nenos e nenas de 1º participamos no Programa de Educación Ambiental "Vexo,vexo" do Concello
 de A Coruña .
Antes da saída a Punta Herminia fixemos un taller na aula para preparar a visita .Despois do audiovisual , onde coñecemos algúns dos animais e as plantas do lugar , preparamos un mural moi alegre e vistoso .
O recorrido comezou no aparcadoiro da Torre . O noso guía comentou que antes fora unha grande lagoa e que no campos de arredor se cultivaban diversos produtos como patacas e millo .
Polo camiño observamos aves e vimos algúns niños :  andoriñas de cu branco e andoriñas comúns que voaban para cazar  insectos , pardais , merlos , lavandeiras ,estorniños , gaivotas , corvos mariños. . .
Seguimos o rastro das toupas e das formigas león .
Descubrimos un lucecú macho e unha lagartixa . Encantounos que
o noso guía collera por un momento unha ra da veiga , que axiña saltou da súa man .
Ensináronnos a distinguir varias plantas : malvas , a flor do trevo,
distintas especies de margaridas , o botón de ouro , a papoula , a flor de coitelo , o mexacan , a avea tola , a tremedeira , a árbore do sal  ; pero a nosa favorita foi a herba de namorar . Todos probamos para ver se era certo o que di a lenda ! Algúns din que si e outros que non !
Durante todo o traxecto tratamos de non molestar a ningún animal nin de arrincar ningunha planta e , por suposto ,  de non deixar pegadas da nosa presenza .
Regresamos cansos e famentos pero moi contentos de ter aprendido tantas cousas sobre algúns dos seres vivos cos que compartimos a nosa cidade .

Ningún comentario: